Mocidade Socialista Galega

  • Increase font size
  • Default font size
  • Decrease font size

O teito de vidro é moi real.

Print PDF
Article Index
O teito de vidro é moi real.
AGAL - O teito de vidro é mui real
All Pages

As Tendencias Mundiais do Emprego da OIT (2003) indican que as mulleres seguen tendo os menores índices de participación no mercado laboral, maiores taxas de desemprego e grandes diferencias salariais en comparación cos homes. Todo isto nunha época na que as mulleres están tan capacitadas e formadas coma os homes para levar a cabo calquera tarefa física ou intelectual.

Botándolles unha ollada ás estatísticas sobre a participación, o informe do ano 2006 da Comisión sobre a Igualdade entre Mulleres e Homes adianta que, dentro das empresas, as mulleres ocupan só un 32% dos postos directivos e que só un 10% das persoas integrantes dos consellos de administración e un 3% dos cargos de presidencia das empresas máis importantes son mulleres.

 Por último, nos sectores da educación e da investigación, o número das que obteñen un título é moi elevado (son mulleres o 43% das persoas doutoradas), pero as mulleres desaparecen a medida que se avanza na carreira profesional académica, dado que só o 15% son titulares dunha cátedra. E parecida situación de contexto se observa en Galiza, nos datos relativos ao ámbito educativo superior obsérvase que, para o ano 2005, do total de 80.143 matrículas realizadas nas universidades galegas, 45.883 correspondían a mulleres, o que representa un 57,25%, sendo os campus galegos os que contan cunha maior presenza de mulleres nas súas aulas de entre os existentes no Estado español. Pero a dita presenza non se traduce nunha participación proporcional das mulleres nos órganos de poder e toma de decisións no ámbito académico, no conxunto do Estado hai 30 áreas de coñecemento dun total de 196 nas que –pese a contar con bastantes profesoras- non hai nin unha soa muller catedrática de universidade.

E, polo que se refire á representación política, como integrantes do Goberno no ano 2001 había un 14,29% de mulleres,cifra que se mantén ata o cambio ao actual Goberno no ano 2005. Cambio político que se traduce nun 43% de mulleres e un 57% de homes, o que supón unha considerable diferenza, un 29% máis, con respecto á participación das mulleres no Goberno anterior.

Estamos entón ante algún tipo de barreira invisible que lle pon trabas ao desenvolvemento das carreiras profesionais das mulleres, impedindo o seu ascenso a postos de toma de decisións?

O termo “teito de vidro” foi acuñado en 1986 nun informe sobre mulleres executivas publicado por Hymowitz e Schellhardt no Wall Street Journal. É un concepto que adoita referirse aos obstáculos que enfrontan as mulleres que exercen –ou aspiran a exercer– altos cartos en corporacións, organización gobernamentais, educativas e sen ánimo de lucro. A súa invisibilidade radica en que a súa existencia non é explícita, non existen leis, dispositivos sociais, códigos que impoñan esta situación senón que consiste nun conxunto de prácticas, tradicións, hábitos ou modelos organizativos que se viven dende a suposta normalidade e que provocan a baixa presenza de mulleres nos niveis directivos ou no espazo público, diferenzas salarial, desigualdade na carga de traballo, falta de equidade no recoñecemento… Estariamos, pois, ante un fenómeno máis dos que provoca a desigualdade alí onde as leis non discriminan abertamente as mulleres.

Como exemplo deste teito de vidro sinalaremos as conclusións acadadas por un estudo da Organización Internacional do Traballo (2001) onde se afirma que: as mulleres só desempeñan do 1 ao 3% dos máximos postos executivos nas maiores empresas do mundo, so 8 países teñen a unha muller como Xefa do Estado, aínda que as mulleres representan o 40% dos membros das organizacións sindicais só o 1% teñen postos de dirección, a diferenza salarial é do 10 ao 30% inferior para as mulleres respecto os homes…

Mais, cales serían os factores que provocan a existencia destas barreiras?

Dun lado a socialización das mulleres, que provoca que aínda a día de hoxe se lle recoñeza maior valor ao seu rol preestabelecido de coidadora no seo familiar, que ao papel que poida desempeñar no ámbito laboral (esta idea ven reforzada xa dende a infancia: as nenas coidaran bonecas, farán taferas domésticas e casaranse cun príncipe azul para lograr ser felices na vida). Ante tal situación a muller deberá escoller necesariamente entre dúas opcións: seguir adiante coa súa profesión facendo verdadeiros malabarismos para compaxinar traballo e familia (dobre carga) –que a levará a unha vida laboral máis curta e descontinua que á dos seus compañeiros varóns– ou ben renunciara ás súas aspiracións profesionais en beneficio dunha atención máis personalizada e axeitada ao seu núcleo familiar.

Indubidabelmente, tamén está presente o factor cultural, o teito de vidro permanece aínda vixente porque a maioría dos membros da sociedade comparte a visión da existencia de dous roles diferenciados para o home e para a muller. Segundo isto, os postos de dirección foron deseñados exclusivamente para os homes, xa que as mulleres non son quen de afrontar situacións difíciles que requiren actitudes de autoridade e poder.

Dito isto, xúrdenos unha dobre pregunta: como podemos romper este teito de vidro? E que deseño de políticas públicas convén levar a cabo para chegar a tirar este teito?

Con respecto á primeira delas, o máis razoábel é a loita diaria de cada muller e de cada home para lograr chegar á súa eliminación. Algo que Meyerson e Fletcher denominan: a estratexia de “ganancias pequenas”. Traballar moi duro pola supresión destas barreiras dentro de cada lugar de traballo, organización sindical, universidade, partido político…, de xeito que estes cambios, se sosteñan no tempo e no espazo ata que se chegue ao punto de xerar o poder de transformación necesario, para acadar transformacións positivas en todos estes eidos que abrangan tanto a muller coma o home. Isto debe realizarse a través da reformulación dos modelos, pasando a incentivar a corresponsabilidade de homes e mulleres no ámbito doméstico-familiar, e cun marco normativo, xurídico, ético e cultural que asegure a equidade das oportunidades entre homes e mulleres

No eido do traballo político, convén deixar clara a necesaria superación das medidas de acción positivas ata chegar ao mainstreaming. As primeiras pretenden engadir mulleres a espazos onde están infrarrepresentadas para paliar as desigualdades de oportunidades, mais o verdadeiramente importante para acadar a igualdade e a eliminación dos eixos de asimetría nos que se sitúa o feminino e o masculino. O mainstreaming é un proceso político que contempla tanto a plena participación das mulleres en todos os aspectos da vida, como a análise de todas as propostas no que concirne a políticas xerais ou sectoriais e os programas dende unha perspectiva de igualdade.

 

ARTIGOS DIXITAIS


http://www.amit-es.org/assets/files/rev_invest_edu2007_25_11.pdf

http://www.stecyl.es/Mujer/el_techo_de_cristal.htm

http://www.auladesne.net/_ReferenciaBibliografica/Global/ReferenciaBibliografica0000130/main%20igualdad%20comunitaria%20empleo.pdf



Last Updated on Friday, 12 March 2010 20:51  


Redes Sociais