Mocidade Socialista Galega

  • Increase font size
  • Default font size
  • Decrease font size

O que queremos para Galiza Nova!

Print PDF

Galiza Nova, plural.

O nacionalismo xuvenil é rico nas súas propostas ideolóxicas e iso é froito da pluralidade social e política da nosa nación. Entre todos e todas debemos conseguir que a mocidade galega sexa consciente da necesidade de defender a súa terra e a súa cultura, do dereito que lles corresponde a traballar e vivir dignamente. Para isto precisamos non só dunha Galiza Nova forte, senón dunha Galiza Nova plural como para ser capaz de inserir nos seus lindes políticos a todas as correntes progresistas e nacionalistas que a mocidade galega fai nacer no seu seo.

Galiza Nova, combativa.

Galiza Nova, alén dunha obra colectiva que precisa da unidade e o pluralismo do nacionalismo xuvenil, será tamén o froito dun intenso traballo de concienciación e mobilización política. Somos conscientes de que partimos dunha situación complexa de grande debilitamento organizativo e na que nos corresponde atopar un novo papel na sociedade. A politización da mocidade galega e moi baixa. Non é unha nova recente que a maioría da mocidade opta pola abstención nos procesos eleitorais, nin é nova a tendencia a asumir os valores dominantes. A nación galega e a súa viabilidade futura precisan do nacionalismo xuvenil, para conseguir a mobilización política da xente nova e a consecuente reversión das tendencias reaccionarias no seu seo.

  • E hora de Galeguizar Galiza: Recuperando o vello lema das Mocedades Galeguistas, Galiza Nova debe estar na rúa reivindicando a nación galega:
  • Enfrontar a inxustiza: A mocidade galega emigra, sofre unha universidade mercantilizada, a presión do traballo precario e as retribucións baixas, a hipocrisía da sociedade perante a cuestión das drogas, ou mesmo dinámicas globais coma a cuestión ecolóxica, as guerras imperialistas... existen todo un colectivo de temáticas que fican despolitizadas pola inanición de Galiza Nova e que están sendo entendidas desde o marco ideolóxico dominante, que non é neutro.
  • Defender a liberdade: Actualmente, estamos nunha ofensiva reaccionaria contra os dereitos das mulleres, contra o laicismo, contra os dereitos das minorías. Fronte a isto, Galiza Nova debe de afrontar a situación reivindicando a liberdade, o respeto, a igualdade e o internacionalismo.
     
     
    Galiza Nova, aberta.

    A unidade e a mobilización da nosa organización esixe unha apertura en dous sentidos: interna e externa.

    • A apertura interna é a base da unidade. Non pode existir coherencia nin coordinación mentres Galiza Nova sexa unha agrupación de departamentos estancos. O obxectivo é superar a incomunicación que actualmente existe en Galiza Nova, se queremos unha organización forte que lidere à mocidade do país, necesitamos unha organización diversa e plural pero unida. A telemática fornece hoxe de ferramentas para afrontar con éxito esta cuestión e é a nosa obriga empregalas. Así mesmo, a creación de comisións sectoriais nacionais, comarcais e locais abertas a toda a militancia deben de ser foros formais para o debate e o acordo. Xa que todos somos importantes, todos contamos. 
    • Pero tamén precisamos unha apertura externa. Non podemos virarlle as costas á sociedade, temos que sermos capaces de interactuar con ela, non podemos esixir entusiasmo e seguimento á mocidade do país se non somos quen de ilusionala coas nosas propostas, pero tampouco se non somos quen de respectar as fórmulas de autoorganización que existen no seu seo e colaborar con elas. Galiza Nova debe de tentar implicar nas súas campañas non só aos mozos e mozas individualmente, senón tamén ás organizacións de diverso tipo (culturais, locais sociais, deportivas, musicais,...) que a mocidade galega crea en uso da súa capacidade de autoorganización. Para frear a desconexión co tecido social debemos manter unha presenza sostida a partires de admitir a existencia de novos espazos do nacionalismo xuvenil organizado e impulso de novos. Isto, xunto cunha actualización do discurso e práctica políticas, falándolle á mocidade na súa linguaxe, con novos mecanismos, novas maneiras, novos métodos, novas campañas, e novas formas de facer política xuvenil. Queremos unha prática política imaxinativa e dinámica. Queremos que Galiza Nova sexa parte da mocidade galega e está sempre ao seu carón.

    Galiza Nova, operativa

    Galiza Nova debe ser consciente en todo momento das súas enormes potencialidades.

    • Temos que ter iniciativa política. Debemos marcar un calendario de traballo con campañas imaxinativas e abordando os novos temas que se dan na sociedade. As demandas dos mozos e das mozas trocaron, e os seus problemas tamén. Para iso debemos procurar aplicar novos métodos de interactuación coa mocidade para actualizar discurso. Debemos ser unha  organización perméabel á socidade. As novas tecnoloxías da información e do coñecemento, o software libre, os centros sociais, o altermundismo, o multiculturalismo.
    • Renovación das estruturas.  Comisións Nacionais coa obrigatoriedade de convocalas cando menos unha vez cada seis meses, abertas á militancia, de todos e cada unha das responsabilidades; colexialidade da Dirección Nacional e unha Permanente operativa e dinámica e converter á Sede Nacional nun local da mocidade galega, ao seu servizo.
    • Unha política comunicativa integral. O que se debe facer é un plano do comunicación, diferenciando os dous ámbitos, pero cunha interacción continua. En función das características  da organización, unha comunicación interna integral utilizarase e adaptarase á organización.
    • Ante unha excasa expansión organizativa, unha campaña de militancia. Non debemos ter medo a abrir a organización á mocidade galega. Existe moitísima mocidade nacionalista que debe militar con nós, que debe autoorganizarse dentro dos nosos lindes políticos e que debe colaborar no proceso de construción nacional e de emancipación social. a través do BNG.  Unha campaña aberta, dinámica, atractiva e que mostre unha organización fresca, con ideas e con atractivo para que o maior número de mozos e mozas do noso país se desexe sumar ao proxecto.
    Last Updated on Thursday, 04 February 2010 13:06  


    Redes Sociais